Tratando de acadar unha mellora continua na calidade das titulacións, a Universidade de Vigo establece como unha das súas máximas prioridades asegurar o benestar e satisfacción de todos os que a conforman polo que conta cun Sistema de Garantía de Calidade (SGC). Este sistema integra a todas as titulacións que se imparten na Universidade de Vigo.
Neste título, o órgano responsable do seguimento e garantía de calidade (e que velará porque se manteñan os criterios de calidade establecidos ao formular o presente programa) está formado pola Comisión Académica do Máster, que conta cun Regulamento de Réxime Interno aprobado pola Comisión de Estudos de Posgrao da Universidade de Vigo e cuxas competencias son as seguintes:
- Elaborar, e no seu caso, modificar o regulamento de réxime interno da propia comisión que deberá ser aprobado pola Comisión de Estudos de Posgrao.
- Aprobar os horarios de docencia e probas de avaliación e a asignación das aulas e laboratorios de maneira coordinada co centro de adscrición.
- Vixiar o cumprimento da actividade docente e académica (cumprimento de horarios de clases e titorías, velar pola dispoñibilidade dos espazos (aulas, laboratorios, equipos de videoconferencia, etc).
- Seleccionar ao estudantado admitido no programa.
- Emitir informe para o recoñecemento de competencias e equivalencia de títulos estranxeiros de fóra do EEES.
- Formular as demandas de recursos humanos e materiais, debidamente xustificados.
- Elaborar e aprobar anualmente as guías docentes da titulación e remitilas ao centro para a súa aprobación pola Xunta do Centro de adscrición seguindo a normativa establecida para o efecto.
- Elaborar e aprobar anualmente a Planificación Docente Anual (PDA).
- Aprobar anualmente o cadro de profesorado da titulación e a súa asignación ás materias do plan de estudos e remitilo á Comisión de Estudos de Posgrao para a súa aprobación.
- Elaborar e aprobar anualmente a asignación de horas de profesorado de acordo ao establecido no correspondente contrato programa.
- Elaborar e aprobar o orzamento anual da partida económica asignada á titulación e aprobar, ao peche do ano económico, a correspondente memoria económica á execución dos gastos realizados.
A Comisión Académica tamén debe garantir a calidade do máster definindo os seus obxectivos e metas e interpretando a información proporcionada por:
- As enquisas de satisfacción realizadas pola vicerreitoría.
- A información recollida ao estudantado, persoal docente e ao resto dos participantes no máster e programa de doutoramento.
- As suxerencias e reclamacións recibidas.
- A información derivada do seguimento das persoas tituladas.
- As recomendacións das avaliacións externas.